jueves, 2 de marzo de 2017

EN BUSCA DE UNA PATRIA. LA HISTORIA DE LA ENEIDA

 
      En busca de una patria. La historia de la Eneida é unha obra de Penelope Lively publicada por Vicens Vives. Nela adapta o texto clásico de Virgilio e relátanos as aventuras de Eneas, o heroe troiano, fillo de Anquises e Venus, desde a súa saída de Troia ata a súa chegada ás costas de Italia. Alí, narra os combates que sostén contra os habitantes do Lacio ata conseguir a vitoria e a correspondente recompensa: o matrimonio con Lavinia, filla do rei Latino. Queda así Eneas en disposición de fundar unha nova estirpe: a do pobo romano. A obra de Virgilio pertence á épica culta romana e unha das súas fontes de inspiración é a tradición épica grega, da man de Homero (La Iliada e La Odisea); ao coñecemento deste labor únese o de xestas de romanos célebres no campo de batalla.
     Publio Virgilio Marón (71-19 a.C.) compuxo o poema para encumbrar a figura do seu emperador, Augusto, a quen considera descendente de Eneas –polo tanto, dos deuses, pois Venus era súa nai-, ao que atribúe asombrosas fazañas que posibilitaron o nacemento do pobo romano.
    

As cuestións que se propoñen teñen como obxectivo facilitar a comprensión do texto sobre o que vimos traballando na aula e que será obxecto de avaliación neste trimestre:
  1. Que estrataxema deseñan os gregos para asaltar definitivamente a cidade de Troia?
  2. Que erro fatal cometen os troianos na interpretación da morte de Laoconte?
  3. Con quen fuxe Eneas? Quen é a súa muller e porque non abandona Troia con el?
  4. Quen lle revela en soños o que debe facer?
  5. Xa en ruta, intenta fixar o seu destino en Creta. Quen o desengana e que lle di? (páx. 50)
  6. Que son as arpías e que lle prognostica ao heroe a arpía Celeno?
  7. Que dous episodios da Odisea evoca o autor da obra cando os troianos pasan polas costas de Sicilia?
  8. Que luctuoso feito ocorre tras o abandono da Illa dos Cíclopes?
  9. Na páxina 59 explícase o motivo polo que Juno detesta a Eneas e a todos os troianos. Podes explicalo? Poderías relacionalo coa expresión “Ser a mazán da discordia”?
  10. Que triste experiencia comparten respecto ás súas patrias Dido e Eneas (pensa por que están alí os dous)? Cres que ten algo que ver esta lenda, recollida na Eneida coas guerras púnicas? Podes atopar información sobre estes feitos na páxina 18 da introdución ao libro de lectura.
  11. Como remata a relación entre os anteriores personaxes? Volverán encontrarse nos capítulos posteriores? Explica a túa resposta.
  12. Ao marchar de Sicilia, Eneas e os seus homes vense envoltos nunha terrible tormenta. Que prezo deberán pagar por saír con vida de tal suceso? Páx 86-88
  13. Quen é a Sibila de Cumas e que prodixioso viaxe emprenderá Eneas na súa compañía? Con que personaxes, importantes na súa vida, se vai atopar no lugar a onde viaxan?
  14. Aporta información relevante sobre Caronte, o río Leteo, o Can Cerbeiro, o Tártaro e os Campos Elíseos.
  15. Cando Eneas e os seus chegan ao Lacio, quen os recibe? Que actitude mostra ante a chegada dos troianos e por que?
  16. Cal é a orixe das disputas entre Turno e Eneas?
  17. Eneas precisa pobos que se alíen con el para enfrontarse aos latinos. Para iso, remonta o río Tiber: concreta que rei o vai apoiar e que agasallo lle proporciona Venus, súa nai.
  18. A aristía é a mostra en combate do valor e cualidades case sobrehumanas dun heroe épico. Poderías citar nomes de personaxes dos que se conteña algunha aristía na Eneida?
  19. Os deuses e semideuses do Olimpo participan tamén dalgún xeito na guerra entre os latinos e os troianos dirixidos por Eneas. Precisa dous casos nos que Eneas ou Turno reciban a axuda deses seres sobrenaturais.
  20. A caracterización de Turno e de Eneas é diferente; Virgilio móstrase máis amable coa caracterización deste último, en definitiva, antepasado do seu emperador Augusto. Rele as páxinas 125-26 e 128-29 e cos datos que poidas recompilar nelas, comenta as diferenzas entre a forma de ser do latino e do troiano.
  21. Despois dun atisbo de compasión, Eneas acaba matando a Turno. Que ve no ombreiro do enimigo que o empuxa á vinganza?
  22. A victoria dos troianos supón o casamento de Eneas coa filla do rei. Que consecuencias tivo este feito?
  23. Traza a ruta que sigue Eneas desde Troia ata o Lacio.
  24. PERSONAXES RELEVANTES QUE TEDES QUE SABER IDENTIFICAR:
    Helena, Laoconte, Eneas, Creúsa, Ascanio, Anquises, Venus, Juno, Vulcano, Xúpiter, Neptuno, Mercurio, a arpía Celeno, o Cíclope, Escila, Caribdis, Dido, Palinuro, a Sibila de Cumas, Caronte, o rei Latino, Amata, o rei Evandro, Turno, Niso, Euríalo, Palante, Camila, Yuturna, Lavinia.




No hay comentarios:

Publicar un comentario